Hoxe é 13 de maio de 2026. Son festas en Santiago. As máis picheleiras que se adoita dicir por aquí. Agora é cando meu irmán faría a súa chiscadela favorita, sacaría o libro de familia e diría que claro, malia que non nacemos aquí, podemos dicir que somos, como mínimo, picheleiros de quinta xeración. O que é evidente é que nesta casa a Ascensión foi sempre unha época rara. A máis feliz moitas veces, profundamente triste case sempre. A nostalxia respirando no ambiente, o inicio do bo tempo e as promesas do verán. A miña primeira Ascensión foi o 8 de maio de 2016. Van xa dez anos.
É a primeira Ascensión que paso traballando.
Até agora sempre eran as últimas festas antes dos exames, o preparados, listos,
xa, o feche do curso e estar un no medio da ‘boráxine’ ou rematando o estrés,
necesitando desafogar ou perseguindo a celebración, recuperar o tempo perdido.
Que é o tempo perdido? E como se mide o tempo?
É a primeira vez que estou soa na Ascensión. Eran os días felices, as noites tristes, a morriña e as ganas de chorar. Como diría Aitana, "Me he metido en este pub, de trankis, sabiendo que no estoy bien, con mi dosis de ansiedad y sin trankis, otra noche que no sé que hacer". Pois así me sinto. Demasiado nena para tanta melancolía. E sen trankis. Porque a semana pasada deixei a psicóloga. Busco unha nova e acepto recomendacións, pero teño a sensación de que nunca, xamais, vou volver sentir igual.
Se tivera que elixir unha Ascensión creo que non podería. Non sei distinguilas. Mestúranse todas nunha amalgama de cinco anos de vida nos que esta cidade foi casa, refuxio e sempre, sempre: as amigas. A Ascensión do botellón compartido e a Orquesta Miramar na Alameda. Esa foi bonita. Temos unha foto coas dúas Marías que nunca pendurei, debería, pero agora hai amizades coas que xa rompemos (eses duelos tamén doen) e agora xa non sei se debería.
Si sei que esa foi tamén a Ascensión da borrachera do siglo, compartía botella de Kas Limón marca branca e ron do bo con Rafa, atopámonos con Brais e sentíame moi adulta. Recordo, por esa época, estar intentando desprenderme de toda a dor do mundo, decidir que versión de min sobrevivía a ese verán.
Non teño claro que esa fora a ascensión da
París no Obradoiro, as barras de luces, ou Nill Moliner na Quintana. Sei que a
última foi a de albiscar tempos escuros, un TFM a medio facer, Marta mudándose
a Santiago, Tanxugueiras no Obradoiro e tortilla do Marte para comer. Polo
menos na última cría saber a onde ía. Tiña un camiño, un destino, un lugar ao
que chegar. Fracasei.
Lembro a anterior Ascensión a esa con completa
nitidez, recordo ás Fillas, a Rafa e eu poñendo o meu TFG como escusa para ir a
todos os concertos. Facendo unha reportaxe sobre Tradi, ese era o epicentro do
mundo. Boyanka co meu irmán e non ter medo a facer cousas soa. Bótome de menos.
Creo que era mellor, máis forte, máis valente e menos rota.
Este ano é diferente. Nun tempo escribirei que
esta foi a primeira Ascensión na que non librei. A primeira de ser adulta de
verdade, con responsabilidades de verdade e un traballo de verdade. Por esta
época estariamos facendo o Alfa hai dous anos, intentando non chorar no
Saltamontes, gravando as vistas desde a Noria e acabando cada día con algodón
de azúcar para merendar.
Teño mozo. Pequeña novedad. Levamos dúas
semanas de hospital en hospital. Gustaríame que esta fora a Ascensión na que as
miñas amigas saíron de festa por primeira vez con el. Ou a de berrar con Val
música en galego. A de compartir con Marta a canción que nos queremos tatuar. Gustaríame
que fora a Ascensión de Rafa subindo comigo aos cacharritos. De cruzarme no
paseo co meu irmán.
Pero estou soa por vez primeira na Ascensión.
Triste e cansada de ser maior. Sen saber onde vou estar dentro dun ano.
Preguntándome se algunha vez volverá ser festa. Ou como describirei esta
Ascensión. Se pasará á historia dentro da amalgama. Se algunha vez a melancolía
deixará de inundarme o corazón. E as bágoas. Se nalgún momento saberei por fin
saber que sinto sen ter que escoitar unha canción.
Comentarios
Publicar un comentario