Desde a última vez que quixen que cada un dos pensamentos que me fan dano fosen de dominio público -soñaba con que a alguén lle importase o que escribía- pasaron tantas vidas que me costa recoñecerme. Foi tamén a última vez que pensei que forzarme a ter unha rutina que me obrigase a sentarme a escribir sobre min no ordenador era boa idea. Deixeino. Como sempre deixo todo, iso non cambiou.
Desde ese momento, mudei de lingua (aínda que case sempre me sigo sentindo un pouco impostora), achegueime ao nacionalismo e fun a mil manifas, gradueime en Xornalismo, rematei un máster e comecei un doutorado. Desde ese momento, fixen amizades e rematei chorando despedidas. Pero tamén aprendín a construír unha familia. Unha que fose miña, malia que se poida discutir.
Desde ese momento, os avós mudáronse á casa, as avoas xa non saben o meu nome e dáme medo visitar as residencias. Desde ese momento (esta semana), aprendín o que é perder a alguén para sempre e xa non sei se creo no ceo. Supoño que agora tamén me dá medo visitar o cemiterio. Desde ese momento, papá enfermou. Desde ese momento —en realidade, hoxe— estou pensando que ao mellor escribir mentres choro é a miña forma de curar o corazón. Recuperar os apósitos de cores que de cativa me facían sentir mellor.
Pero é que desde ese momento tamén pasaron cousas boas. Pablo casou, Jose namorouse e a min páganme por escribir. Teño unha gata, Chusca, que me lame a cara cando choro e se deita nas miñas pernas para darme “calorcito” cando o mundo semella demasiado frío. Desde ese momento, cumprín soños que non sabía nin que tiña, coñecín xente que vexo pola tele, bailei en festivais ata sentir que deixaba de existir. Desde ese momento, pisei países descoñecidos aos meus pés, fun ao Parlamento Europeo e contratáronme para percorrer Portugal.
As miñas amigas imprimíronme o meu libro. Sigue sen publicar e probablemente nunca ninguén o lea nin saiba que existe, pero xa non teño claro que siga soñando con que a alguén lle importe o que escribo. Desde ese momento, vivo soa no meu piso con vistas aos solpores máis bonitos e aprendín a que deixase de darme medo conducir.
Desde ese momento, namoreime moito e rompéronme máis. Eu tamén o fixen mal, tampouco nos imos enganar.
Hoxe pasou unha cousa. Un déjà vu á miña eu de catorce anos que escoitaba Hay un fuego nos seus cascos mentres patinaba. E co mesmo grupo. Hoxe, na lista de música que preparei para o concerto de La M.O.D.A., comezou a soar La vida en rosa. E, de súpeto, tiña doce anos, dúas trenzas, unha libreta, case ningún amigo e moitas ganas de chorar.
Creo que pasaron moitas cousas desde que decidín que quería pecharme do exterior, esconderme en min e no meu mundo interior. Creo que eu non son así. Que o meu traballo sexa escribir non pode supoñer que me abandone ao horario laboral.
Ao mellor non só teño que contar as historias dos demais. Ao mellor non podo seguir vendo a vida en rosa e necesito seguir o impulso de correr e buscar o brillo que se apagou no peor ano da miña vida. De verdade o foi?
Claramente non me quedan pedaciños que xuntar e, ao mesmo tempo, no comezo brillei tanto que creo que xa non quero medir a felicidade en anos. Hai momentos e o adulting xa non é unha opción, é o presente.
Así que vou deixar un oco para seguir sendo eu comigo. Reconectar e deixar que unha canción do grupo que me leva acompañando toda a vida me faga chorar. Despois de demasiado tempo sen poder sentir nada. Sen saber como volver a escribir sobre min.

Comentarios
Publicar un comentario